Exit OAVID
Saír
Portal OAVID
Vítima doutro tipo de delito

Dereitos das vítimas


Se fuches vítima de delito, debes saber que tes unha serie de dereitos que che protexen e garanten que se faga xustiza: 

  • Tes dereito a recibir asistencia e apoio
    • Tes dereito a recibir asistencia psicolóxica, social e/o xurídica, para orientarche e axudarche a soportar esta situación.
    • Ademais, podes contar cun avogado de maneira gratuíta, se cumpres os requisitos.
    • Podes recibir atención específica se es unha vítima vulnerable (violencia de xénero, menores, persoas con discapacidade, etc.). 
  • Tes dereito á xustiza. Podes esixir que o que che ocorreu sexa investigado e que os responsables se enfronten ás consecuencias. 
  • Tes dereito a estar informado/a 
    • Para que poidas saber en todo momento como avanza o proceso, en que estado está o teu caso e cales son os teus dereitos.
    • Tes dereito a recibir información sobre a sentenza e a saída do agresor en caso de condena.
  • Tes dereito a ser escoitado/a 
    • Tes dereito a participar no proceso, achegar probas e dar a túa versión dos feitos.
    • Tes dereito a solicitar medidas de protección ou reparación. 
  • Tes dereito a un trato digno e respectuoso
    • Independentemente da situación, deben tratarche con sensibilidade, respecto e sen ningún tipo de discriminación. 
    • Tes dereito a recibir atención adaptada á túa situación e necesidades. 
  • Tes dereito á protección
    • Tes dereito a que non se divulguen os teus datos persoais.
    • Tes dereito a que non haxa público no xuízo.
    • Poden aplicarse medidas de seguridade, como ordes de afastamento ou medidas cautelares, para evitar que sufras represalias ou máis danos.
  • Tes dereito á reparación do dano
    • Podes recibir asistencia para solicitar unha compensación ou indemnización polo que sufriches, se fose o caso.
    • Tes dereito a recibir asistencia para a túa recuperación física, psicolóxica e social.
En Galicia leváronse a cabo iniciativas para implementar medidas específicas que reforcen a asistencia ás vítimas nas Oficinas de Asistencia ás Vítimas do Delito (OAVD).  Estas oficinas, presentes nas sete cidades galegas, ofrécenche atención integral, asegurando un acompañamento homoxéneo en toda a comunidade autónoma.
Estas iniciativas complementan os dereitos establecidos na Lei 4/2015, do 27 de abril, do Estatuto da vítima do delito, e buscan ofrecer unha atención máis próxima e adaptada ás necesidades específicas das vítimas en Galicia.
Esta Lei 4/2015, do 27 de abril, do Estatuto da vítima do delito, en liña coa normativa europea na materia, baséase no recoñecemento da dignidade das vítimas así como a defensa dos seus bens materiais. Pretende establecer os dereitos das vítimas de delitos en España, asegurando a súa protección, apoio e asistencia ao longo do proceso xudicial. O seu obxectivo é garantir que as vítimas reciban un trato adecuado e unha atención integral, respectando a súa dignidade e protexendo o seu benestar.
Aínda que houbo algunhas modificacións lexislativas posteriores en relación cos dereitos das vítimas, o Estatuto da vítima do delito segue sendo a base para a protección das vítimas no ámbito penal.
As disposicións da devandita Lei aplícanse ás vítimas de delitos cometidos en España ou que poidan ser perseguidos en España, con independencia da súa nacionalidade, de se son maiores ou menores de idade ou de se gozan ou non de residencia legal.
Para saber máis sobre os teus dereitos específicos, en función do teu caso, podes consultar aquí:
Xunta de Galicia